14.10.09

Tras umha mediocre participaçom no Monte da Risca a equipa do CS descende a 5ª praça na LNB-SUR



Este sábado no monte da Risca volveuse marcar un record de participación nun torneo de billarda: 108 palanadores participaron no II Torneo de Pincha do Porriño “Festas do Cristo”. A esplanada da Risca converteuse no Rolland Garros da billarda, con catro pistas para xogar de forma simultánea. Unha infraestrutura necesaria para administrar a marea de xogadores desta tempada, que desborda espectativas.

Chupi gañou de novo con autoridade. Aínda que comezou con dúbidas no seu grupo, resolveu todos os cruces con solvencia, e iso que lle tocou bailar cos máis feos… no sentido deportivo, por suposto. No seu camiño caeron Pablo dos Paquete Pinchas (gañador en Vigo o ano pasado), Xosé Miguel de Faísca (líder dos varados), Davide de Pincharango (o xogador revelación da tempada) e Rubén Otero dos Lideiras (o campión nacional e o seu máximo rival).

Na final agardábao Luis Enrique, co que xa coincidira no grupo clasificatorio. O de Almiuinha confirmou as boas sensacións que dera o ano pasado e en Redondela ao colarse na súa primeira final. Para chegar aí tampouco tivo un camiño fácil: eliminou a Manolo de Se Foras Traballar (que comezou a liga nun espléndido estado de forma), Fran dos Trece Catorce (campión no Aberto da Poesía de Salvaterra), Lolo de Pincharango (un debutante que apunta boas maneiras) e Amil (que brillou a un altísimo nivel).


Os Paquete Pinchas proclamáronse mellor equipo da xornada grazas ao 4º posto de Amil e o 1º de Chupi. Por un punto impuxéronse aos Pincharango, que demostraron que as boas vibracións que transmitiron na primeira xornada non eran casuais: Davide, Lolo, Arturo e Lemos firmaron actuacións destacadas e sumaron 19 puntos para o equipo, que xa é segundo na clasificación xeral con 32 puntos, só por detrás de Paquete Pinchas, que ten 38.

Outros que estiveron moi finos no Porriño foron Se Foras Traballar. Se na primeira xornada non lograron bos resultados, nesta ocasión sumaron 17 puntos grazas ás boas actuacións de Luis e Manolo e de dúas fichaxes deste ano: Pedro e Juan. Isto serviulles para subir do posto 11º da clasificación ao 5º. Na clasificación xeral por equipos, colócase en 3ª posición Almuinha, moi regulares, e na 4ª A Ghudalla, que este sábado pincharon no Porriño.


Agardamos que Xose Miguel seja profeta na sua Terra ...

Sem comentários: