Chegou
o momento de afrontarmos a ascensión do pico máis alto de toda a contorna de
Vigo: o Galleiro. Esta inmensa mole granítica domina todo o val da Louriña,
xusto enriba de Mos pola súa cara occidental, que é por onde subiremos. En
conxunto, a Serra do Galleiro, discorre durante uns 15 km en dirección N-S
separando os vales do río Louro ao oeste e do río Tea ao leste, que flúen
paralelos á serra cara ao sur.
Comezaremos
a nosa andaina no lugar da Portela, na parroquia de Louredo. Dende aí faremos
de seguido toda a subida a través das revoltas das Sete Paredes até o cumio do
proprio Galleiro (749 m ).
Despois de repoñer forzas continuaremos cara ao sur para subir aos outros dous picos
máis sinalados da serra: primeiro o Salgueirón
(621 m ),
onde tentaremos atopar a mámoa na súa aba sur e, a seguir, o Castelo de Mos (541 m ), así chamado en
referencia ao castelo medieval que alí existiu, destruído probabelmente pola
Revolta Irmandiña. Na baixada visitaremos o abeiro da Lapiñeira da Fraga, baixo
o Penedo da Pucha, todo un salón de granito onde moraba a xente prehistórica,
que ademais é veciño da lendaria “Pedra que fala”. Finalmente remataremos na
antiga canteira que serve coma campo da Festa
da Prehistoria, xa na parroquia de Mos.
Pois entón, combinamos ás 9:00 no local da Faísca. Levade algo
de xantar e auga suficiente (2L); calzado de monte, roupa de chuvia se vai malo
e protexerse do sol (cabeza, pel, lentes) co ceo despexado. Vale ir de curto,
non se prevén problemas de toxeira. Vémonos!
Ø Distancia:
13 km (sobe todo pistas anchas)
Ø Desnivel
máximo en subida: 561 m (as subidas algo duras, pero lévase ben)
Sem comentários:
Enviar um comentário