7.7.15

Roteiro por Soutomaior



11 de xullo ás 9h no Faísca para organizar os carros.

Desta volta un roteiro para desfrutar do verán. Nunha pequena andaina dende o monte ao río imos coñecer o val de Soutomaior, treito final do río Verduxo que emboca aquí a ría de Vigo.

Para obter na boa perspectiva do conxunto da zona, plantexamos a subida do Monte da Peneda (327 m), pequeno pero moi destacado pico dende o que se domina coas vistas todo o val de Soutomaior, a foz do Verduxo na Ponte de San Paio, a Enseada de San Simón e polo interior as primeiras cadeas montañosas dende até os cumios do Monte Maior que preceden á Serra do Suído. Foi no curuto deste pico onde se erguía o castelo que o arcebispo de Compostela mandou construír para ter controlados os movementos do Pedro Madruga, dono de Soutomaior no convulso tempo posterior á segunda Guerra Irmandiña.

A subida á Peneda comezarémola no lugar do Viso para despois descer pola aba contraria, xa por terras da parroquia de Soutomaior. Camiñando entre viñedos iremos cruzando o val achegándonos agora ao cuartel de Pedro Madruga, o famoso castelo de Soutomaior, reconstruído na forma actual trala revolta irmandiña. Despois de comer e visitar o parque e o recinto do castelo, continuaremos a baixada cara ao Verduxo polo núcleo da parroquia de Soutomaior, pasando pola igrexa e seguindo o trazado do GR-58 (Sendeiro das Greas). Finalmente chegaremos ao río na ponte medieval de Comboa. Dende este punto só falta remontarnos pola beira do río até acadarmos nada menos que o Inferno –así se chama o punto de confluencia entre os dous grandes ríos da ría de Vigo, Verduxo e Oitavén–, onde finalizamos o percorrido e onde seguramente haberá opción de bañarse se vai calor.


Combinamos ás 9:00 no Faísca. Coma sempre, levade xantar e auga abondo; calzado cómodo, e protección do sol. Hai un chisco de toxeira na baixada da Peneda, pero vale ir de curto aínda así porque se pasa rápido. Vémonos!

Ø  Distancia: 8,7 km (entre carreiros e estradas)

Ø  Desnivel máximo a ascender: 130 m (a subida da Peneda, despois practicamente todo baixar)



Sem comentários: